Xunta de Galicia, Fundación Ronsel e BBVA entregan os XII Premios MOCE

Os Premios MOCE están dirixidos a impulsar la actitude emprendedora, apoiando e destacando a importancia do autónomo para a economía de Galicia.

A Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Fundación Ronsel e BBVA celebraron esta mañá a entrega dos XII Premios MOCE, creados pola Fundación Ronsel para recoñecer o labor de autónomos e microempresas galegas, ás que acompaña e apoia nos seus procesos de emprendemento.

O acto de entrega destes XII Premios MOCE, celebrado na Fundación Paideia da Coruña, foi presentado pola Directora Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Covadonga Toca Carús, acompañada por Luís García Deber, Director da Fundación Ronsel e Daniel Miguel Fernández, director de Zona de BBVA en Galicia Norte. Os tres destacaron a necesidade duns premios que recoñecen o papel dos autónomos na sociedade galega e que fan incidencia nos valores da innovación, a sustentabilidade, o impacto local, a creación de emprego e as medidas de conciliación e igualdade.

Gañadores dos premios MOCE

Os dez finalistas, que nun 70% están liderados por mulleres, traballan desde Ferrol, A Rúa, Ribeira, Vigo, Santiago, Lugo, Porto do Son e A Coruña, e foron seleccionados entre máis de 50 candidaturas polo equipo técnico da Fundación Ronsel.

Cada proxecto finalista realizou unha exposición, describindo o seu camiño persoal ata chegar á decisión de emprender e as virtudes dos seus negocios, todos eles en marcha. Todos os finalistas recibiron un diploma que destaca o mérito de chegar ata a votación final.

A continuación, o xurado, composto por representantes de 10 entidades públicas e privadas vinculadas á promoción do emprendemento, emitiu o seu fallo. Este ano, por primeira vez nestes premios, houbo un dobre empate, designando por tanto a 4 gañadores, que recibiron unha placa conmemorativa, repartindo a dotación dos premios (1.800 euros), en dous premios de 600 euros e dous premios de 300 euros. Eles son:

1º.-. Frouma, liderado por Francisco Millán Valiño desde Ribeira, unha marca de mobiliario cuxo principal valor diferencial é o uso de madeira procedente das bateas das rías galegas, integrando a última tecnoloxía co artesanal cara a un modelo de negocio máis sostible, xusto e ético.

1º.-. VI& GO, liderado por Marta Álvarez Herda, Ignacio Iglesias Araujo e Adrián Marnotes Rodríguez desde Vigo, unha start- up de Battery as a Service co obxectivo de favorecer o desenvolvemento das cidades desde unha mobilidade sostible, conectada e intelixente.

2º.-. SLOWBASIC, liderado por Maria Deus Bouzas, Beatriz Deus Bouzas e Marta Valerio Veiga desde Ferrol, é unha marca en liña de roupa básica, funcional e sostible, que aposta por unha transición ecolóxica desde o individuo ao conxunto da sociedade: “se cada persoa e empresa pon o seu granito de area, conseguiremos unha praia de cambios.” Slowbasic é máis que unha marca de roupa, é unha comunidade de persoas que comparten os mesmos valores éticos.

2º.-. SACRA EXPERIENCE, liderado por Carlota Pérez Fernández desde a aldea de Ou Pincelo (Lugo), é un espazo de creación dentro da natureza que promove a formación de excelencia artística para nenos e adultos na contorna rural da Ribeira Sacra. Os seus espazos dedícanse sobre todo a aloxamentos culturais e a eventos diferenciadores, como o Sacra Festival, que fai seis anos dirixe.

A Fundación Ronsel, entidade promotora dos Premios MOCE e que neste ano celebrou o seu 21 aniversario, anunciou a apertura da XIII convocatoria.

Xurado dos premios MOCE

Deixa un comentario