Desde o pasado mes de maio, a Fundación Ronsel forma parte do proxecto “IBERO4JOBS: Universidades de iberoamérica tecendo lazos co sector empresarial“, unha iniciativa financiada pola Comisión Europea a través do programa ERASMUS+.
Este proxecto, coordinado pola Universidade de Caldas (Colombia), ten coma obxectivo fundamental aproveitar a experiencia e coñecemento de universidades e organizacións europeas para trasladar as súas metodoloxías e boas prácticas de integración co sector empresarial a institucións de educación superior latinoamericanas.
A través deste intercambio de coñecementos espérase mellorar a empregabilidade do estudantado, favorecer o crecemento sostible da rexión así coma fortalecer o espírito emprendedor e as competencias profesionais dos recén titulados.
Luis García Deber, director da Fundación Ronsel, destaca que a interconexión entre o eido académico e o sector produtivo é de vital importancia para pensar no futuro:
As universidades e o sector produtivo sempre camiñaron da man pero hoxe en día, coa velocidade a que o mercado laboral evoluciona, a empresa e a universidade teñen que desenvolver continuamente novas iniciativas e oportunidades que respondan as súas necesidades
Este proxecto ten unha duración prevista de 3 anos durante os que traballaremos fortalecendo a relación empresa-academia, compartindo esforzos, recursos e capacidades, facilitando a transicion do aprendizaxe o emprego e tentando reducir o desemprego xuvenil.
As entidades integrantes de IBERO4JOBS son:
Universidades:
- Universidade de Caldas (Colombia)
- Universidade de Manizales (Colombia)
- Universidade Tecnolóxica de Nayarit (México)
- Universidade Autónoma de Nayarit (México)
- Instituto Politécnico do Porto (Portugal)
- Universidade de Vigo (España)
Outras organizacións:
- Cámara de Comercio de Manizales por Caldas (Colombia)
- Fundación Luker (Colombia)
- Fundación Ronsel (España)