Actualidade · Galicia Camiño Emprendedor 2026

Galicia Camiño Emprendedor 2026

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Ronsel, impulsa unha nova edición de Galicia Camiño Emprendedor, un programa de mentoring dirixido a persoas emprendedoras que se desenvolve compartindo unha etapa do Camiño de Santiago.

Con 10 edicións xa rematadas, esta iniciativa quere facer do Camiño un espazo de acompañamento persoal e profesional, favorecer o intercambio de experiencias entre os participantes e facilitar a xeración de oportunidades de negocio nunha contorna única.

Galicia Camiño Emprendedor 2026 contará con 3 dobres etapas (inclúen pernoctación) en tramos oficiais de diferentes rutas do Camiño de Santiago.

Durante o percorrido priorizarase o uso e a promoción de negocios de hostalería e aloxamento vencellados ao Camiño de Santiago escollidos pola súa singularidade, modelo de negocio ou compromiso coa tradición.

Obxectivos transversais

  • Mentorizar a persoas emprendedoras apoiando a consolidación dos seus proxectos e propiciando novas oportunidades
  • Xerar ou fortalecer redes de contactos profesionais a nivel nacional e internacional
  • Promocionar Galicia e o Camiño de Santiago coma lugares de ocio e actividade económica
  • Impulsar hábitos saudabeis integrando o exercicio físico e o contacto coa natureza na rutina profesional
  • Difundir metodoloxías innovadoras coma a toma de decisións camiñando, respaldada por estudos científicos
  • Conectar con persoas galegas do exterior e retornadas a Galicia favorecendo a súa conexión coa nosa comunidade
  • Colaborar coa Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia integrando tanto a persoal técnico coma a persoas emprendedoras nas diferentes etapas

Obxectivos específicos

Cada etapa está estruturada en torno a 3 áreas clave de traballo:

  1. Innovación e sostibilidade. Fomentarase a xeración de ideas innovadoras aplicadas ao entorno rural, as actividades deportivas e a sostibilidade aportando propostas que poidan mellorar os proxectos dos participantes
  2. Capacidade de relacionarse. Centrada nas habilidades comunicativas, no desenvolvemento de competencias emprendedoras e na xeración de contactos profesionais.
  3. Xestión do tempo e organización. A propia participación na etapa serve coma exercicio práctico para reflexionar sobre a planificación e optimización do tempo no eido laboral.

En definitiva, Galicia Camiño Emprendedor 2026 quere impulsar o emprendemento a través da conexión entre persoas, ideas e territorio.

Etapas de Galicia Camiño Emprendedor 2026

O longo deste ano realizaremos 3 dobres etapas con prazas moi limitadas nas que participarán 6 emprendedores/as, 6 mentores/as e 3 dinamizadores/as da Fundación Ronsel.

  • 11 e 12 de xuño (Lugo). O Cebreiro – Triacastela – Sarria. Camiño Francés

Nesta etapa o 100% das persoas participantes serán galegos retornados (salvo por necesidades organizativas)

  • 1 e 2 de outubro (Ourense). Ponte de Domingo Flórez – O Barco de Valdeorras – A Rúa. Camiño de Inverno

Coma máximo, o 50% das persoas participantes procederán doutras comunidades autónomas españolas.

  • 11 e 12 de decembro (A Coruña). Arzúa – Arca (O Pino) – Santiago de Compostela. Camiño Primitivo

Etapa con chegada a Santiago de Compostela aberta a persoas residentes en Galicia. No segundo tramo poderá acompañarnos calquera persoa que teña participado noutras etapas desta edición ou anteriores.

Atoparás máis información na web oficial de Galicia Camiño Emprendedor ou na Oficina Virtual do Autónomo.

Anímate a camiñar connosco. Bo Camiño, emprendedores!

Deixa un comentario

Máis artigos sobre Novas