Entrega dos XIII Premios MOCE promovidos pola Fundación Ronsel, Xunta de Galicia e BBVA

Un ano máis, celebramos a entrega dos Premios MOCE cos que desde a Fundación Ronsel e co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o BBVA queremos impulsar a actitude emprendedora e salientar a importancia dos autónomos e autónomas na nosa comunidade.

XIII Convocatoria Premios MOCE

Os 10 proxectos finalistas desta edición dos Premios MOCE, máis do 80% liderados por mulleres, foron seleccionados entre máis de 50 proxectos provintes de toda Galicia (a Illa de Arousa, Paradela, O Barco de Valdeorras, Porto do Son, Friol, Ribeira e A Coruña).

Na súa escolma, o equipo técnico da Fundación Ronsel tivo en conta os seguintes criterios:

  • Impacto local.
  • Caracter tecnolóxico.
  • Sostibilidade.
  • Igualdade.
  • Conciliación.
  • Creación de emprego.

A entrega de premios, celebrada na Fundación Paideia de A Coruña, foi presentada por Covadonga Toca Carús, Secretaria Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia que estivo acompañada por Daniel Miguel Fernández, Director de Zona Galicia Norte de BBVA e por Luis García Deber, Director da Fundación Ronsel.

Gañadores da XIII Edición dos Premios MOCE

  1. Casa do Cuco. Liderado por Camila Feriol. Antiga casa de labranza tradicional galega, restaurada e convertida en casa de turismo rural en Friol (Lugo). Moi vinculada o Camiño de Santiago e a persoas amantes de natureza que queiran hospedarse e disfrutar dunha experiencia auténtica.
  2. Ruteart. Liderado por Alberto Gallego desde A Coruña. É unha axencia de viaxes alternativa que ofrece viaxes de autor por Galicia e polo resto do mundo cunha inmersión real no destino e cunha marcada compoñente social e medioambiental.
  3. Lémbrate. Liderado por Tamara Botana desde A Coruña. É a única unidade de memoria de A Coruña adicada a prevención, entrenamento, rehabilitación e estimulación das funcións cognitivas.

Os premiados, con 900, 600 e 300€ respectivamente, foron escollidos por un xurado composto por representantes de 10 entidades públicas e privadas vencelladas a promoción do emprendemento.

Desde a Fundación Ronsel anunciamos a apertura da XIV Convocatoria dos Premios MOCE cos que queremos continuar impulsando e premiando a actitude emprendedora e apoiar a consolidación de iniciativas empresariais en Galicia.

Deixa un comentario