Actualidade · Como vivir do teu negocio como autónomo: todo o que precisas saber

Comunidad de autónomos

Como vivir do teu negocio como autónomo: todo o que precisas saber

Ser autónomo é unha das formas máis habituais de emprender, aínda que xera moitas dúbidas e retos. Desde a elección da actividade ata a xestión financeira, pasando polos impostos, a facturación ou o acceso a axudas e subvencións, hai moitas cuestións clave que calquera persoa emprendedora debe coñecer.

É como superar etapas do Camiño de Santiago: unhas máis duras e longas, outras máis doadas e curtas, pero sempre en boa compaña. Na Fundación Ronsel ofrecémosche a nosa.

Neste artigo compartimos o noso coñecemento e experiencia acompañando a preto de 10.000 persoas emprendedoras de Galicia, de forma aberta, para que todas as persoas que o precisedes teñades acceso a información útil. Aquí resolvemos moitas das túas preguntas para que poidas lanzarte con seguridade e crear un negocio sostible.

Imos aló!

ETAPA 1: Que significa ser autónomo?

O traballo por conta propia implica xestionar un negocio sen depender dun empregador. Isto dálle flexibilidade e liberdade á túa vida, pero tamén require asumir responsabilidades fiscais, de Seguridade Social e de xestión de clientes. Antes de lanzarte á aventura, animámoste a facer unha pequena autoavaliación respondendo a estas preguntas:

  • É o teu momento? Avalía a túa situación actual, o teu entorno, a túa saúde e a túa economía persoal para tomar a mellor decisión para ti.
  • Estás preparada ou preparado emocionalmente? Para emprender o teu propio negocio necesitarás doses altas de iniciativa, resiliencia, innovación, capacidade de asumir riscos calculados, responsabilidade, compromiso e paixón ao servizo dunha visión. A isto nós chamámoslle #ActitudeRonsel. E serve para todas as áreas da vida.
  • Tes unha idea de negocio? Pode que aínda non saibas exactamente como xerar ingresos recorrentes ou como levar o teu produto ata o cliente final, pero… ¿tes clara esa paixón coa que queres traballar? ¿Ou esa necesidade que detectaches e que ti podes cubrir? ¿Hai algo que fas dun xeito único, algo polo que a xente estaría disposta a pagarte?

Se respondiches que si ás tres preguntas, convidámoste a seguir avanzando con nós neste camiño.

Asesoramiento a emprendedores y autónomos
Asesoramento a emprendedores e autónomos

ETAPA 2: Primeiros pasos para darte de alta como autónomo

Antes de iniciar a túa actividade, debes cumprir con certos requisitos. Contámoschos por orde para que non te perdas:

  • O primeiro, o certificado dixital: Para non perder tempo necesitarás si ou si un certificado dixital (sinatura electrónica) e así poder facer a maioría de trámites por internet.
  • Capitalizar o paro? Máis abaixo explicámoscho mellor. Pero, se escolles esta opción, deberás solicitala antes de darte de alta como autónomo. Para iso:
    • Presenta unha solicitude no SEPE xunto cun proxecto de negocio. Se contas cunha xestoría, poden axudarche a elaboralo.
    • Engade o certificado de cesamento de actividade do teu último emprego.
    • Agarda pola resolución antes de formalizar a alta en Facenda e na Seguridade Social.

  • Alta en Facenda co modelo 036 ou 037 (podes consultar aquí as instrucións para cubrilo) ⟶ Este é sempre o primeiro trámite. Non chegues á Seguridade Social coas mans baleiras. Documentación necesaria:
    • DNI ou NIE.
    • Modelo 036 ou 037 cuberto.
    • Datos bancarios se vas domiciliar pagos.
    • Alta no IAE segundo a túa actividade económica: debes escoller o epígrafe axeitado ao darte de alta. Isto influirá nos impostos e nas licenzas que poidas necesitar. Unha asesoría pode axudarche a escoller o epígrafe correcto.

  • Alta na Seguridade Social no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA). Necesitarás presentar na sede electrónica:

  • Solicita licenzas e permisos se o teu negocio require local ou está regulado. Consello: a xestión administrativa pode ser complexa, polo que contar cunha asesoría especializada en autónomos aforrarache tempo e erros. Dependendo do sector, podes necesitar:
    • Licenza de apertura e actividade (se usas un local físico).
    • Rexistro sanitario (para actividades alimentarias ou sanitarias).
    • Licenza de venda ambulante (en feiras ou mercados).

ETAPA 3: Canto custa ser autónomo?

Un dos maiores retos é coñecer os gastos fixos e variables que implica traballar por conta propia:

  • Cota de autónomos: Aproveita a tarifa plana da Seguridade Social se estás comezando: pagarás 87,60 € ao mes durante o primeiro ano, e nalgúns casos podes ampliala. Cando remate esta tarifa plana, a cotización será progresiva segundo os teus ingresos reais, partindo dos 205 € mensuais para as bases máis baixas. Consulta esta táboa para ter unha orientación máis concreta.
  • Impostos (e de paso, como facturalos segundo cada caso):
    • IRPF:
      • Se facturas a empresas ou profesionais, deberás restar o IRPF do importe bruto na túa factura. Neste caso, serán eles os que ingresen ese importe trimestralmente en Facenda.
      • Se facturas a particulares, non restes o IRPF na factura: pagaralo ti mesmo/a na declaración trimestral.
      • O tipo xeral do IRPF é do 15 %, pero podes aplicar o 7 % reducido durante os tres primeiros anos. Se escolles esta opción, ten que aparecer indicado na factura. Ao final do ano regularízase a túa situación: se retiveches de máis, devolveranche a diferenza; se retiveches de menos, terás que pagala. Ti escolles que prefires.
    • IVE (IVA):
      • Súmase ao importe bruto en todas as facturas. Ingresas ese diñeiro pero non é teu: deberás pagalo a Facenda cada trimestre.
      • Podes deducir o IVE das túas facturas recibidas (formación, subministracións, profesionais…).
      • Ollo: non todas as actividades levan IVE. Actividades culturais, formación, xornalismo escrito… están exentas. Consulta cunha asesoría o teu caso. Se estás exento/a, deberás indicar na factura a lei que te ampara. Neste caso, non poderás deducir o IVE das túas compras ou gastos relacionados.
      • Se tes actividades con IVE e outras sen IVE, só poderás deducir a parte proporcional. Este cálculo regularízase na declaración do último trimestre.
      • Non todos os gastos se deducen ao 100 %. Por exemplo, se traballas desde a casa, só poderás deducir parte do IVE dos subministracións. E se fas investimentos (ordenadores, cámaras…), dedúcense durante varios anos.

  • Custos operativos: Local, subministracións, software, márketing, etc. Cada caso é diferente. Recomendámosche levar un control mensual dos teus gastos fixos e recorrentes para evitar sustos e planificar ben.

Exemplo práctico:

  • Se facturas 1.500 € brutos ao mes, e estás con tarifa plana, pagarás 87,60 € de cota de autónomos.
  • O IRPF (15 %) sería de 225 €, polo que os teus ingresos netos serían de aproximadamente 1.187,40 €.
  • O IVE, cun 21 %, supón 315 €, que engades ás túas facturas, pero que deberás ingresar trimestralmente a Facenda.
  • Se tiveses gastos mensuais en software ou material, réstalos aos ingresos netos. E lembra gardar todas esas facturas para poder desgravar tanto IVE coma IRPF.
Emprendedora o empresaria autónoma realizando trabajo de escultura
Emprendedora realizando trabajo de escultura

ETAPA 4: Show me the money: axudas, subvencións e financiamento para autónomos

Este é un tema amplo e complexo que require tempo e boa información. Podemos acompañarte nese proceso, pero aquí tes un resumo das axudas máis habituais:

  • Tarifa plana: Redución da cota de autónomos durante os primeiros anos.
  • Subvencións do IGAPE: Apoios para dixitalización, internacionalización ou crecemento empresarial.
  • Fondos Next Generation e programas europeos: Fomentan a innovación e a sustentabilidade.

En Galicia, ademais, existen:

  • Programa de promoción do emprego autónomo e cota cero da Xunta de Galicia.
  • Axudas para mulleres emprendedoras: Como o programa Emega, con varias liñas de financiamento. Ollo: se estás compatibilizando o paro co pago de cotas, poderías non cumprir os requisitos. Avalía ben o teu caso antes de solicitala.
  • Axudas da Oficina do Autónomo de Galicia.

E tamén hai formas de financiamento:

  • Capitalización do paro: Se tes dereito ao paro, podes investir esa prestación na túa actividade.
    • Capitalización total: require máis xustificación.
    • Capitalización parcial: podes recibir parte do paro en mensualidades para pagar as cotas de autónomo.
    • Podes usar esta axuda para pagar licenzas, permisos, material, formación, márketing… Pero o IVE deberás pagalo ti (non está cuberto).
  • Microcréditos: Algunhas entidades ofrecen préstamos sen avais para autónomos.
  • Se tes menos de 30 anos e emprendes en Galicia, podes acceder a microcréditos de Youth Business Spain, entidade da que formamos parte.
  • Créditos ICO e préstamos ENISA: Sen necesidade de avais persoais.
  • Business Angels e investimento privado: para proxectos con alto potencial de crecemento.
  • Investimento de impacto: pensada para proxectos con causa social ou ambiental.
  • Crowdfunding e equity crowdfunding: outras fórmulas que poden adaptarse ao teu proxecto.

ETAPA 5: Claves para xestionar o teu negocio con éxito

Darse de alta como autónomo é só o comezo. A xestión diaria é o que marcará a diferenza entre simplemente resistir e realmente vivir do teu proxecto.

  • Elabora o teu plan de negocio: Crea o teu Business Model Canvas para ter unha visión clara e resumida do teu modelo de negocio. Podes descargalo aquí. Reflexiona, cúbreo e tráeo á túa próxima sesión con nós para podermos axudarte a avanzar desde a esencia do teu proxecto.
  • Planifica as túas finanzas: Controlar ingresos e gastos é clave para evitar sustos e tomar decisións con información real.
  • Inviste en márketing, pero con cabeza: Ter presenza en internet e redes sociais aumenta a visibilidade. Pero de nada serve investir en publicidade sen unha boa estratexia. Traballa a fondo a túa proposta de valor e deseña accións que realmente che acheguen á túa clientela.
  • Diversifica os teus ingresos: Non dependas dun único cliente ou fonte de ingresos. A diversidade ofrece estabilidade.
  • Networking e colaboracións: Conectar con outras persoas autónomas abre portas e oportunidades. A comunidade é clave para construír unha Galicia con futuro, e por iso desde Ronsel impulsamos unha comunidade de crecemento persoal, profesional e empresarial.
  • Itera, itera e volve iterar: Periodicamente, precisarás revisar o teu modelo de negocio, aprender do camiño e evolucionar os teus produtos, servizos ou a forma de entregalos. Lembra: tes moito que achegar ao mundo, e iterar é parte natural do proceso cando decides crear o teu propio camiño.
Atención a emprendedores
Emprender en Galicia

ETAPA 6: Recursos e formación para autónomos en Galicia

Para manterte ao día e mellorar a xestión do teu negocio, existen formacións moi interesantes:

  • Fundación Ronsel: Programas como Faro ou Merlo ofrecen acompañamento personalizado para autónomos de perfís moi diversos.
  • Galicia Camiño Emprendedor: Un dos nosos programas estrela. Anímate a facer unha etapa connosco!
  • Autocoñecemento das túas competencias emprendedoras: Creamos unha aplicación gratuíta para que poidas facer un test de autoavaliación. Está dispoñible para iOS e Android.
  • Análise de viabilidade da túa idea de negocio: Fai este test de autoavaliación creado por nós para axudarche, esteas onde esteas.
  • Cámaras de Comercio: Cursos sobre dixitalización, vendas e xestión empresarial.
  • Xunta de Galicia e Polos de Emprendemento: Apoios formativos en sectores clave e competencias transversais.
  • Entidades sociais como a Fundación Juana de Vega, Acción Contra a Fame ou a Fundación Roberto Rivas tamén ofrecen formacións e apoio a persoas emprendedoras.

ETAPA 7: Desafíos máis habituais

O día a día como autónomo está cheo de retos diversos. Pero na nosa experiencia, hai algúns obstáculos que se repiten con frecuencia:

  • Falta de liquidez: Ter un pequeno fondo de emerxencia pode axudarche a superar meses complicados.
  • Incerteza nos ingresos: A planificación a medio prazo e a diversificación son clave.
  • Mala xestión do tempo: Priorizar, organizar e sistematizar son habilidades imprescindibles. Como persoa autónoma, tocarache facer de todo, así que máis vale aprender a facelo sen perder a saúde polo camiño.
  • Carga burocrática: Delegar a contabilidade ou a parte legal en profesionais especializados pode aforrarche moitas dores de cabeza.
  • Síndrome do impostor (ese “e se non son capaz?”): Non é máis ca un medo normal. A maioría pasamos por el. Aprender a xestionalo é parte do camiño persoal e profesional de calquera persoa emprendedora.

Se algo disto che soa… temos algo que dicirche: non estás só/a.

Co noso acompañamento e a comunidade Ronsel, poderás conectar con mentores, persoas expertas e outras persoas emprendedoras que che axudarán a mellorar a xestión do teu negocio e a coidar do teu benestar.

E lembra: cada persoa é un mundo. Por iso, o noso equipo estará encantado de orientarte segundo a túa situación e necesidades concretas.

Outro xeito de emprender é posible. Dá o primeiro paso hoxe.

Deixa un comentario

Máis artigos sobre Emprendemento