Acordo de colaboración entre Netin Club e Fundación Ronsel

Netin Club é unha empresa que xestiona unha rede de inversores privados con intereses en proxectos tanto dixitais e vencellados as novas tecnoloxías coma de economía tradicional.

O seu obxectivo é ofrecer a oportunidade de que un amplo grupo de inversores, tanto profesionais coma non profesionais, poidan acceder a pequenos proxectos de diversos sectores, en diferentes fases de desenvolvemento e en distintos lugares de España.

O obxectivo do acordo asinado entre Fundación Ronsel e Netin Club para Galicia é facilitar o acceso de pequenos empresarios a unha alternativa de financiamento que plantexa investimentos a escala das súas necesidades e que normalmente está reservada a proxectos de maior tamaño.

En virtude deste acordo, Netin Club facilitará a Fundación Ronsel proxectos que se atopen nunha fase de desenvolvemento inicial e precisen de formación e acompañamento que os axude a ser candidatos preparados para expor o seu proxecto perante os inversores que os poden axudar a medrar.

Pola nosa banda, presentaremos a Netin Club aqueles proxectos que estén maduros dabondo para seren analizados polos inversores axeitados nas convocatorias que organizan a nivel nacional.

Con este acordo, a Fundación Ronsel da un paso máis para acompañar a autónomos e microempresas, abrindo unha vía de financiamento a que difícilmente teñen acceso e para que é preciso estar ben preparado e ser consciente das súas consecuencias.

O noso obxectivo é acompañar a estas microempresas o longo de todo o proceso e fomentar o seu crecemento, contribuindo así o desenvolvemento da economía en Galicia.

Deixa un comentario