Actualidade · 25 anos impulsando o emprendemento e o emprego

25 ANIVERSARIO Fundación Ronsel

25 anos impulsando o emprendemento e o emprego

O pasado 18 de xullo celebramos o 25 aniversario da Fundación Ronsel nun acto que tivo lugar na Fundación Luis Seoane da Coruña e no que nos acompañaron máis de 160 amigos e colaboradores procedentes de toda Galicia.

Entre os asistentes encontrábanse Inés Rey, alcaldesa da Coruña; José González Vázquez, Conselleiro Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e Mar García, responsable de Política Social da Deputación da Coruña; así coma representantes doutras institucións públicas, do tecido empresarial e do eido sociolaboral.

Neste evento agradecemos a confianza que teñen depositado en nós as máis de 10.000 persoas as que acompañamos na súa traxectoria laboral e os 9.000 proxectos de autoemprego e emprendemento que asesoramos. Tamén homenaxeamos e recoñecemos a labor de Luis García Rodríguez, fundador e primeiro presidente da Fundación Ronsel.

” A Fundación Ronsel abreu portas que estaban pechadas para moita xente e axudou a transformar incertidumes en oportunidades, ideas en negocios, medos en confianza”.

Inés Rey

O longo destes 25 anos impulsando o emprendemento e o emprego pasamos de centrar a nosa actividade na contorna da cidade da Coruña, onde se ubica a nosa sede e primeira oficina, a ter presenza en todo o territorio galego con oficinas abertas nas 4 provincias (A Coruña, Santiago de Compostela, O Pincelo, O Porriño e O Barco de Valdeorras, as dúas últimas a través da Rede de Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia) e a colaborar en proxectos internacionais que nos permitiron traballar e compartir experiencias con entidades públicas e privadas de Portugal, Reino Unido, Países Baixos, Alemaña, Italia, Austria, Letonia, Romanía, Turquía, Israel, México, Cuba, Colombia, Arxentina, Uruguai e Brasil.

Hoxe reiteramos o noso compromiso co emprendemento e a inserción sociolaboral e poñemos todas as nosas ferramentas (formación, asesoramento, mentorías persoalizadas, etc) o servizo de todas as persoas que as precisen, prestando unha especial atención os colectivos vulnerables, mocidade, migrantes e retonados. Porque esa é parte da nosa misión: que Galicia sexa unha terra de oportunidades para todas as persoas.

A continuación deixámosche un pequeno resumo en imaxes. Atoparás moitas máis fotos na nosa galería.

Entra e descarga as que che gusten!

Deixa un comentario

Máis artigos sobre Novas